O conxunto da parroquia de San Vicente componse de oito barrios: O barrio da Pradela, sen veciños, composto só dunha casa deshabitada; O barrio da Valiña que se compón de catro casas e só queda habitada unha delas; O barrio do Pedroso, ó igual que o anterior, componse de catro casas nas que só hai veciños nunha delas; O barrio do Combarro ten sete casas, cinco das cales están habitadas; O barrio do Carballo, con tres casas habitadas todas elas; O barrio de Chao da Aldea, con sete casas, cinco habitadas; O barrio do Cibadoiro, que ten dúas casas nas que só está habitada unha das dúas; O barrio das Casas de Arriba, que se compón de catro casas, a metade das cales teñen veciños; e por último, O barrio da Carretera que conta con dúas casas habitadas.
Panorámica de San Vicente
26 de agosto de 2000
26 de agosto de 2000
Tódolos barrios están entrelazados por camiños ou rueiros unidos por carreiros, algúns deles en desuso por falta de pícaros, pois os vellos do lugar camiñan máis seguros polos camiños.
San Vicente ten o camiño principal, ou eixo central da parroquia, dende as casas da Carretera ata os desaparecidos muíños do río do Carballo, cos enxertos como son as carrilleiras para servicio das leiras e os prados dos Freixos, Campón, xunto ó Santo, Coto da Fonte, Cubela, Suformal e Fraguellas. Outros enxertos principais son: o camiño do Pedroso, o camiño de Río, Carrilleira das Airas, Buqueira do espiño e camiño do Carballo, que vai dende a Fosca ata o Chao da Aldea, camiño do Cibadoiro, camiño das casas de Arriba, que vai dende a carretera ata o Ollo da Fonte.
Rueiro do Combarro
28 de agosto de 1988
28 de agosto de 1988
Todo este entramado de camiños e rueiros están cribados polos carreiros cheos de historia, como é o caso do carreiro das casas de Arriba, utilizado para ir á auga ó Ollo da Fonte. Outro carreiro era o que enlazaba os barrios do Cibadoiro e o Carballo, tamén usado para ir á auga á Pinguela polos veciños do Carballo. Tamén hai que recordar o famoso e desaparecido carreiro da Biela ou “rompe zocas”, que comunicaba o Chao da Aldea co Combarro; pódese dicir que foi un dos que máis tránsito aguantou. Nas horas punta ata era perigoso polo exceso de velocidade. Mesmo se teñen atropelado uns ós outros e sobre todo ás horas da saída da escola, pois xuntábanse os pícaros de Vicos de Arriba, Vicos de Abaixo, os da Valiña, o Pedroso, o Combarro, que non eran poucos.
Tamén transitaban cabalerías de carga cando ían coas angarellas pechadas, pola costeira que tiña e mailas pedras ceibas e grandes coma puños, que cando chovía e viñan as enchentes, mesmo parecía unha presa de muíño. Aínda así, có saco de corno, corríamos poñendo os pés polas beiras máis altas para non enche-las zocas de auga; mais era levadeiro coa sangue nova dos pícaros, que nin frío nin molleira poñían freo.
O carreiro da Pena ía dende o Chao da Aldea ata o camiño principal na carrilleira da Fraguela, atravesando o Camiño do Río, o carreiro do Carballo do Coto e o Cano das Fraguelas.
Outro carreiro é o das Airas ata a Viña.
Tamén o carreiro do Río dende o Combarro ata os lavadoiros do río, transitado polas lavandeiras coas cestas da colada, e cómo non, as tripas en tempo de matanza.
Con moito tránsito tamén foi o do muíño, por onde paseaban os froitos da fornada.
O que quizais fose o carreiro máis longo, era o que ía dende o barrio do Pedroso ata o muíño de Chao, atravesando polos lugares de colleita, como son Os Bravos, Cerdeira de baixo a fonte, xunto o santo e o muíño.
Naqueles anos ata o 1965 para os do barrio do Pedroso era o carreiro da misa e do muíño, pouco a pouco foi quedando en desuso por falta de xente. Tamén o muíño e a capela foron pechando, pois foi construída a nova igrexa.
Retornando ó camiño eixo, coas súas carrilleiras famosas polos pousadoiros, tódolos veciños tiñan algún prado no lugar dos Freixos, e ás noites era un xogo de ir e vir para tornala auga ata altas horas da noite, pero antes, entre noite e día estaba a carrexa de herba verde en lotes e, cómo non, tamén servía para as brinquetas entre pousadoiro e pousadoiro, que eran oficiais e empezaban en Xunto o Santo, carrilleiras do Suformal o formal, debaixo da solana de Chao, e no Carballo.
Despois de cear algúns aínda tiñan ánimo para ir tornala auga para o seu prado. “tempos aqueles...”
Javier
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Te invitamos a que participes activamente | Deja tu comentario.
(Nos reservamos el derecho de no publicar comentarios que puedan ser considerados difamatorios, racistas, obscenos, pornográficos, ofensivos, que promuevan el odio racial, étnico, religioso, homófobo o de género, de violencia explícita o incitación a la violencia, etc.)
Gracias por participar.