Amigo Leutor

De novo, outro ano máis, ofrecémosvos o número dous da “REVISTA SAN VICENTE”, adicada este ano a tódalas MULLERES da parroquia.

“As mulleres de San Vicente, coma tódalas do mundo rural galego, acostumbradas a unha vida dura, chea de dificultades e carencias, merecen un recoñecemento de gratitude.



Eran as primeiras que se erguían pola mañá pra gobernar, atender o gado, muxir as vacas, amaña-lo desauno, atender os pícaros, etc.


Todo o día era un traxín, tanto na casa coma fóra dela. Á noite, cando todos taban na casa e xa cearan, pra ela non remataba aínda: cosía un botón, amañaba algún paxel de roupa, calcetaba, etc. Hastra que era hora de deitarse.

Ter fillos era un suplicio, había que tirar pra diante hastra máis non poder, chegando incluso, en algús casos, a ter que parir soa ou en condiciós infrahumanas.

Non esaxero, elas ben o saben, e se cadra quédome curto. Hoxe, a Deus gracias, a cousa mellorou.

Non sempre era padecer, tamén había boas horas, pra rir, cantar, bailar, e disfrutar, “nunca choveo que non escampase”: Os roxós, o San Vicente, o Antroido, as panderetadas, as fías e algunhas festas de costume.


Duras traballadoras e sufridas, mais a súa pacencia ás veces estoupaba. E senón que llo pregunten ós franceses que aló polos primeiros anos do século XIX, cando xa andaban á desbandada e á rapiña, ocorréuselles visitar San Vicente, e non coma turistas. Pois ben, un dos soldados, con pinta de esfameado, tivo a mala sorte de se atopar con unhas mulleres que taban parolando e vixiando no bogo, a carón da casa dos de Bertelo. Non se sabe cómo foi, o caso é que, según contaron os nosos antergos, unha das mulleres arreoulle cun tallo nas costas ó bo do francés, que sin precisar intérprete, marchou bracando e non se soubo máis del.

Penso que teñen ben merecido o noso cariño e agradecemento á súa labor. Na súa honra, como dixemos, adicamos este Nº 2 da Revista S. Vicente.

Un agarimoso saúdo.

Germán Chao F.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Te invitamos a que participes activamente | Deja tu comentario.

(Nos reservamos el derecho de no publicar comentarios que puedan ser considerados difamatorios, racistas, obscenos, pornográficos, ofensivos, que promuevan el odio racial, étnico, religioso, homófobo o de género, de violencia explícita o incitación a la violencia, etc.)

Gracias por participar.